AFACO - Asociación Familiares Enfermos de Alzheimer A Coruña

Asóciate

«Calquera contribución para mellorar o estudo e o tratamento das demencias é moi importante»

O Foro Interdisciplinar de Estudo de Demencias da Coruña (FIEDAC) é un proxecto coordinado por AFACO que viu a luz en xaneiro pasado co obxectivo de constituír un grupo estable de estudo, integrado por profesionais de diferentes disciplinas e dirixido ao intercambio de coñecementos sobre as demencias. Dous dos seus integrantes, a neuróloga Mª Jesús Sobrido e a psicóloga e terapeuta ocupacional de AFACO Elena Viqueira presentan a iniciativa.

 

PREGUNTA: Por que e para que xorde FIEDAC?

RESPOSTA: Elena Viqueira: O foro está dirixido ao intercambio de coñecementos sobre demencias. Para iso, de forma periódica, os distintos especialistas abordamos problemáticas comúns vinculadas a esta enfermidade, así como casos de pacientes que resultan de especial complexidade. Ademais, está previsto que se organicen actividades, como seminarios ou accións formativas, dirixidas a profesionais e a familiares.

Este foro, créase con vocación de permanencia ou estamos ante un proxecto puntual?

E.V.: O noso obxectivo é crear un grupo estable dedicado ao estudo das demencias na área da Coruña. Dende o inicio, reunímonos cunha periodicidade mensual, na sede social de AFACO, en San Diego.

Quen integra o grupo?

E.V.: Está composto por especialistas de diversas disciplinas e por técnicos da Asociación. Dende un primeiro momento, uns e outros coincidimos no beneficioso que resulta contar cun grupo interdisciplinar que, actualmente, está formado por neurólogos como Mª Jesús Sobrido, o psiquiatra Fernando Márquez, xeriatras como Juan Jiménez Antón e Eva López, o médico de atención primaria Manuel Barral... Por parte de AFACO, participa a súa presidenta, Carmen Martínez, o psicólogo Juan Bonome, a enfermeira e terapeuta ocupacional Olalla Ventura, a logopeda Nerea Rey, a traballadora social Patricia Gómez e eu mesma.

É o carácter pluridisciplinar do foro un dos seus puntos fortes?

Mª Jesús Sobrido: Sen dúbida. O habitual é que cada colectivo de profesionais dispoña de propios foros nos que se investiga, discute e establecen estándares sobre unha enfermidade determinada, neste caso as demencias. Os neurólogos reunímonos a través das nosas sociedades profesionais; os psiquiatras e outros especialistas médicos nas súas; os profesionais de enfermaría, de psicoloxía, de fisioterapia, etc. teñen os seus propios grupos de traballo sobre as demencias e a súa complexa problemática; os pacientes e as súas familias tamén organizan as súas redes e foros... E, deste modo, cada un destes colectivos alcanza unha visión parcial do problema. A interacción é imprescindible e propiciar que esta interacción se produza é o xerme da idea de FIEDAC. Tamén é importante que no mesmo foro interaccionen profesionais que realizan a súa actividade dende ámbitos diferentes -dende a sanidade pública, a sanidade privada, organizacións sen ánimo de lucro, grupos de investigación-, xa que ás veces sucede tamén que cada ámbito de traballo -e non só a especialidade de cada un- establece os seus propios corpiños e xeito nesgado de enfocar o problema.

Trátase dun grupo pechado de especialistas ou está aberto a novos profesionales?

M.J.S.: É un grupo aberto. A outros especialistas, a calquera profesional implicado coas demencias, a pacientes e á sociedade en xeral. A iniciativa céntrase na Coruña e a súa área de influencia. Por suposto, isto non quere dicir que todas as reunións e discusións que se realicen vaian ser abertas, senón que se busca cabida a numerosos temas - algúns de interese xeral, outros máis específicos- e diversos enfoques, dende seminarios abertos ao público a discusións de casos concretos por un grupo reducido de profesionais. Creo que é moi bo signo a acollida que tivo esta iniciativa de AFACO entre os especialistas do noso ámbito. Esperemos que se animen aínda máis, xa que é tamén crucial a interacción entre os profesionais con maior experiencia e os máis novos. Non sobra ninguén.

O ámbito de actuación de FIEDAC, cal é?

E.V.: Tal e como sinala a doutora Sobrido, o noso ámbito de actuación é local, pero calquera profesional pode incorporarse puntualmente ao grupo, para presentar algún caso de especial complexidade ou para debater sobre algunha problemática vinculada á enfermidade. O obxectivo é que, a partir das problemáticas estudadas, sacar conclusións xerais, extrapolables e, polo tanto, poder beneficiar ao maior número posible de pacientes.

Onde radica a súa importancia?

M.J.S.: A enfermidade de Alzheimer, así como outras causas de demencia, constitúen un problema de saúde de crecente prevalencia a medida que a poboación envellece. Nos próximos anos as civilizacións occidentais enfrontásense a unha auténtica epidemia. Polo tanto, toda contribución, por modesta que sexa, para mellorar o estudo e tratamento, identificar factores que contribúen a facer máis lenta a súa progresión, así como a formación, concienciación e interese do público xeral sobre esta materia é moi importante. Ademais, FIEDAC nace co desexo de contribuír a paliar algunhas das limitacións na abordaxe que con frecuencia facemos das demencias os diversos grupos de profesionais, como por exemplo a compartimentación do seu estudo por especialidades e o afastamento das discusións científicas con respecto ao día a día de pacientes e familias.

E.V.: Ademais, entre os obxectivos prioritarios de AFACO, tal e como recollen os seus estatutos, encóntrase o de participar en estudos e investigacións que permitan avanzar no coñecemento das demencias. Dende hai anos, formulámonos poñer en marcha un proxecto destas características que, finalmente, se puido materializar.

A posta en marcha deste foro, como beneficia aos usuarios de AFACO e ás súas familias?

E. V.: É un luxo poder contar coa participación de expertos en demencias para debater situacións e sintomatoloxías, que observamos e tratamos a diario, nos nosos centros, así como abordar casos de pacientes cunha evolución complicada. Este traballo redunda nunha mellora da situación dos pacientes e, así, tamén, na das súas familias.

 

Galería (pulse para ampliar)

Hosting por dinahosting.

Nosos centros

Sede social Centro terapéutico Centro de día

©2017 AFACO - Aviso legal - Créditos
Parque San Diego, s/n, Centro Cívico - Baixo, 15006 A Coruña; Teléfono: 981 20 58 58 extensión 1001
Rúa / Petunias, 33 B, 15008 A Coruña; Teléfono: 981 20 58 58 extensión 2001
Rúa Salvador de Madariaga nº 87 en A Coruña; Teléfono: 981 20 58 58 extensión 3001
ENTIDADE DECLARADA DE UTILIDADE PÚBLICA POLO MINISTERIO DO INTERIOR
Homologado pola Consellaría de Traballo para a impartición de especialidades formativas.

Certificación obtida para : Centro de día c/ Petunias e Centro Terapéutico c/ Salvador de Madariaga.
Certificación de calidad ISO-9001:2008
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle contenidos relacionados con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información aquí. Aceptar