Formación

Formación para familias

AFACO oferta, ao longo do ano, programas de formación destinados aos familiares coidadores de persoas con alzhéimer ou outras demencias afíns. Consciente das dificultades que entraña a tarefa do coidador, a asociación ofrece nestas formacións diversas pautas que, de seguirse por parte das familias, farán que esta tarefa se realice dunha forma máis eficaz e eficiente.

As conferencias que se imparten nos centros cívicos para achegarlles información aos veciños dos barrios, o curso Coidados Compartidos (no que se proporcionan directrices teóricas sobre a enfermidade e a forma de afrontala) e o Plan de formación continua en demencias (que constará o próximo ano de tres talleres prácticos) son os tres alicerces fundamentais sobre os que se asenta a formación que AFACO lles brinda ás familias.

As estratexias de comunicación coa persoa coidada, as terapias non farmacolóxicas, a alimentación, as repercusións sociais das demencias e as cuestións legais vinculadas a  estas son algúns dos temas abordados neste tipo de formacións, nas que os familiares teñen, ademais, a oportunidade de consultarlles as súas dúbidas aos profesionais que se encargan de impartilas.

Co fin de informar os veciños sobre o alzhéimer e de brindar unhas primeiras instrucións de utilidade para o coidado das persoas con demencia, AFACO imparte, todos os anos, conferencias nos barrios da Coruña e en localidades da súa área metropolitana.

Estas conferencias, impartidas por profesionais de AFACO e agrupadas baixo o título O alzhéimer, unha enfermidade compartida, serven tamén para darlles a coñecer aos veciños o labor que realiza a asociación e os servizos que oferta tanto ás familias como aos usuarios dos seus centros.

As persoas que acoden a estas charlas reciben unha formación inicial a sobre as implicacións que ten a enfermidade para o coidador e das mellores formas de afrontalas. As charlas buscan un formato interactivo, pois, as explicacións do profesional que as imparte altérnanse coas preguntas dos asistentes.

AFACO busca con estas conferencias trasladarlle á sociedade as repercusións que ten o alzhéimer sobre as familias e a importancia de que quen ten ao seu cargo a unha persoa con demencia saiban como actuar. Trátase, en definitiva, de  unha aproximación inicial que, aqueles que o desexen, poderán complementar despois cos outros programas formativos desenvoltos pola asociación.

Formación para profesionais

AFACO oferta formación aos traballadores propios e aos profesionais en xeral co fin de que estes amplíen os seus coñecementos e perfeccionen as súas habilidades en cuestións relacionadas coa atención ás persoas con alzhéimer ou outras demencias e ás súas familias.

A necesidade de que os profesionais da asociación reciclen e amplíen os seus coñecementos a medida que se desenvolven e completan as investigacións e os traballos sobre as demencias e o desexo de poñer a experiencia propia ao servizo de todos aqueles que traballan no ámbito do alzhéimer ou queren facelo concrétanse nunha serie de iniciativas formativas, entre as que cabe destacar:

  • Curso de 150 horas que deben realizar todos os profesionais de AFACO ao empezar a traballar para a asociación.
  • Plan Mellora: cursos voluntarios que se organizan anualmente para que os traballadores de AFACO amplíen os seus coñecementos.
  • Curso de especialización en demencias: dirixido a profesionais cunha titulación oficial da rama sociosanitaria.

A estas actuacións formativas hai que sumar a participación dos profesionais de AFACO en xornadas sobre alzhéimer e demencias, como as que organizan FAGAL e CEAFA, e as charlas que técnicos de AFACO imparten a outros profesionais.

Todos os profesionais de AFACO deben realizar, ao iniciar a súa relación laboral coa asociación, un curso que lles brinda unha formación mínima sobre o alzhéimer e as demencias. Os síntomas dos diferentes tipos de demencias, as terapias existentes para frear o seu avance, a súa repercusión social e a atención ás familias son algúns dos temas que forman parte dos diversos módulos dos que consta esta formación inicial.

As 150 horas do curso inclúen tanto formación teórica como práctica. Os empregados de AFACO deben realizar unha serie de exercicios, a medida que completan módulos, para poñer en práctica, a través de supostos dados, os coñecementos adquiridos. Esta acción formativa finaliza cunha proba coa que os traballadores da asociación acreditan ter a formación sobre alzhéimer que AFACO considera básica para que desempeñen as súas funcións correctamente.

Este curso organízase todos os anos e os traballadores que xa o completaron teñen a opción de volver realizalo, xa sexa co fin de repasar os coñecementos adquiridos ou de incorporar a estes as últimas novidades na investigación e estudo do alzhéimer e as demencias afíns.

Dirixido a todos aqueles profesionais que posúan unha titulación oficial da rama sociosanitaria e que desexen especializarse en alzhéimer e demencias. Este curso, que se organiza anualmente, ofrece, mediante unha combinación de teoría e práctica, unha completa formación técnica das demencias e a súa atención, tanto desde o punto de vista da atención ao paciente como do da relación coas familias.

O curso consta dun total de 100 horas, repartidas entre 70 horas de formación teórica e 30 horas prácticas que os participantes realizan nos centros de AFACO baixo a supervisión dos profesionais da asociación.

A participación dos técnicos de AFACO como docentes das sesións teóricas e como supervisores das prácticas permítelles aos participantes no curso acceder ao modelo de AFACO e sumar así, aos saberes adquiridos, o coñecemento do traballo que realiza unha asociación especificamente dedicada á atención aos enfermos de alzhéimer e ás súas familias.

Investigación

AFACO considera importante contribuír á investigación desde a súa experiencia ao servizo das persoas con alzhéimer e as súas familias e é por iso polo que, desde hai anos, promove e apoia diversas iniciativas que teñen como finalidade atopar as mellores fórmulas para o diagnóstico e a atención de quen presenta este ou outro tipo de demencia.

Destaca entre estas iniciativas o Foro Interdisciplinar de Estudo de Demencias da Coruña (FIEDAC), un grupo formado por profesionais de diversas disciplinas do ámbito sociosanitario que se reúne cunha periodicidade mensual para, desde a análise de casos concretos, buscarlles solucións aos problemas que xorden á hora de atender e coidar a persoas con alzhéimer ou demencia.

Dentro deste apartado de investigación, cabe tamén destacar a colaboración de AFACO na realización, por parte de estudantes universitarios, de traballos de fin de grao. Son moitos os estudantes que contaron con profesionais de asociación á hora de elaborar este tipo de investigacións e, algúns deles, desenvolveron un traballo de campo nos centros da entidade. AFACO pon, desta forma, o seu modelo e os coñecementos dos seus técnicos ao servizo de estudantes que desexan abordar as demencias ou algún outro tema que, dunha ou outra maneira, está vinculado ou relacionado a elas.

Foro Interdisciplinar do Estudo de Demencias da Coruña (FIEDAC) é un grupo de  profesionais procedentes de diversos campos do ámbito sanitario que se reúne cunha periodicidade mensual para debater e buscar solucións a problemas que aparecen no coidado e a atención a persoas con demencia e para analizar a relación destas coa sociedade.

Destinado ao estudo de casos que entrañan unha especial complexidade, este grupo de traballo, cuxas reunións se celebran na sede de AFACO no centro cívico de San Diego, parte de sintomatoloxías concretas para atopar métodos que minimicen a súa repercusión. Así, a partir dun trastorno grave de conduta ou dunha resposta non desexada a un tratamento, os expertos de FIEDAC inician un debate co obxectivo de que este finalice cun diagnóstico e coa aplicación do tratamento máis adecuado.

O fin último desta iniciativa promovida por AFACO é o de favorecer a interrelación de expertos e o debate sobre as demencias. A toma como punto de partida de casos reais outórgalles ás reunións de FIEDAC un marcado carácter práctico, pois os profesionais extraen conclusións xerais a partir de situacións particulares que resultan significativas.

Ademais de contribuír á investigación no campo do alzhéimer e as demencias coas conclusións obtidas ao termo das reunións, FIEDAC contribúe á formación dos profesionais que o compoñen, que ven enriquecidos os seus coñecementos nunha disciplina concreta coas opinións doutros que proceden de ámbitos diferentes.

AFACO pon a súa experiencia no campo do alzhéimer e as demencias ao servizo daqueles universitarios que cursen estudos da rama sociosanitaria e que aborden no seu  traballo de fin de grao algunha cuestión vinculada ao ámbito de actuación da entidade.

Son moitos os traballos cuxos autores contaron, dunha ou doutra forma, coa colaboración de AFACO e dos seus profesionais. Os técnicos da asociación exerceron como titores dos estudos, e orientan os universitarios sobre non só do alzhéimer e as demencias, senón tamén sobre o seu propio labor en AFACO.

Entre os estudantes que contaron con AFACO para a realización dos seus proxectos, hai algúns que tiveron ocasión de coñecer o modelo de traballo da asociación de forma directa, realizando traballo de campo nos nosos centros.

A vinculación coa universidade non se limita ao apoio aos traballos de fin de grao, senón que tamén se concreta na chegada aos centros de AFACO de estudantes que realizan neles as súas prácticas académicas.

O curso consta dun total de 100 horas, repartidas entre 70 horas de formación teórica e 30 horas prácticas que os participantes realizan nos centros de AFACO baixo a supervisión dos profesionais da asociación.

A participación dos técnicos de AFACO como docentes das sesións teóricas e como supervisores das prácticas permítelles aos participantes no curso acceder ao modelo de AFACO e sumar así, aos saberes adquiridos, o coñecemento do traballo que realiza unha asociación especificamente dedicada á atención aos enfermos de alzhéimer e ás súas familias.