Entre as celebracións dos próximos meses, en novembro celebraráse un congreso centrado no alzhéimer con expertos de ámbito nacional
AFACO conmemora o seu 30º aniversario cun congreso que pon o foco nos avances fronte ao alzhéimer e a urxencia da abordaxe integral
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Coruña (AFACO) presentou hoxe en rolda de prensa o programa do seu próximo congreso “30 anos de memoria e esperanza: avances e desafíos no alzhéimer”, que se celebrará os días 27 e 28 de novembro na cidade. O acto enmárcase dentro das actividades conmemorativas do 30º aniversario da entidade, que desde 1995 traballou na atención a persoas con demencia e as súas familias na comarca. A presidenta de AFACO, Patricia Babío Carazo, subliñou a evolución da asociación desde os seus inicios ata converterse nun referente sociosanitario: “Fai trinta anos non existían apenas recursos nin información. Hoxe atendemos a unhas 200 persoas con demencia cada día nos nosos centros, pero o máis importante é que ofrecemos acompañamento, comprensión e un enfoque profesional, centrado na persoa”. Tamén agradeceu o labor do equipo técnico e coidadores, así como o papel dos medios de comunicación en dar visibilidade á enfermidade. Nina Villasuso, do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, entidade anfitrioa do acto, destacou o compromiso do sector farmacéutico no acompañamento a persoas en situación de dependencia e soidade non desexada: “Moitas veces somos o único profesional sanitario accesible, especialmente en núcleos rurais. Por iso esta alianza con AFACO é tan necesaria”. A directora técnica de AFACO, Elena Viqueira, explicou os eixos do congreso, que busca ser un espazo accesible para familiares, estudantes e profesionais: “O congreso abordará intervencións tras o diagnóstico, tratamentos innovadores, terapias non farmacolóxicas, novos modelos de atención e tamén aspectos clave como a soidade non desexada ou o papel dos coidadores”. Viqueira resaltou que o 75 % das familias usuarias de AFACO perciben unha mellora significativa na área emocional dos pacientes tras iniciar a súa atención nos centros da entidade. A neuróloga Celia Pérez #Sousa, presidenta do Comité Científico do congreso, ofreceu un diagnóstico social e sanitario contundente sobre a situación do alzhéimer: “Estamos #ante unha pandemia silenciosa que, a diferenza do COVID, non vai desaparecer. Todo o contrario: as cifras van seguir crecendo”. Datos crave achegados pola Dra. Pérez Sousa: • 1 de cada 3 familias en España terá un membro afectado por alzhéimer ou outra demencia. • En Galicia, estímase que hai máis de 70.000 persoas con algún tipo de demencia. • Na área sanitaria da Coruña, rexístranse ao redor de 7.000 casos. • Ata un 30 % dos casos non están diagnosticados, o que invisibiliza aínda máis o problema. • A partir dos 85 anos, 1 de cada 3 persoas padecerá alzhéimer. A neuróloga tamén alertou sobre a desigualdade asistencial: en Galicia, só o hospital de Vigo conta actualmente cunha unidade multidisciplinar especializada. Aínda así, sinalou que a chegada inminente de novos tratamentos que modifican o curso da enfermidade podería marcar un antes e un despois: “Por primeira vez falamos de medicamentos que actúan sobre a causa, non só sobre os síntomas. Isto pode supoñer que os pacientes permanezan máis tempo en fases leves, con menor dependencia e mellor calidade de vida”. Con todo, subliñou que este novo escenario requirirá unha reorganización profunda do modelo asistencial, con recursos específicos como hospitais de día, unidades de neuroloxía especializada e enfermería xestora de casos. Finalmente, Pérez Sousa reivindicou o papel fundamental das terapias non farmacolóxicas, como as desenvolvidas por AFACO: “O impacto que teñen na calidade de vida dos pacientes e os seus coidadores é moitas veces superior ao de calquera fármaco”. A rolda de prensa concluíu cun almorzo simbólico con chocolate e churros, ofrecido aos asistentes como mostra de proximidade e agradecemento polo seu apoio continuado ao labor da entidade.
Convenio para o respiro familiar
No ano 2024 asinamos un novo Convenio de Colaboración entre a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e o Concello da Coruña, para o financiamento do Servizo de Respiro Familiar e Apoio para a promoción da autonomía persoal de persoas afectadas pola enfermidade de alzhéimer. Recursos como este facilitan ás persoas coidadoras, normalmente da contorna familiar do paciente, un espazo para soportar a súa fatiga física e emocional, á vez que lles permite poder dedicar algo de tempo a outras actividades que son necesarias para o seu benestar. Este programa supón dispoñer dun espazo físico e permanente de atención, información e orientación en canto a dereitos e tramitación de recursos sociais dirixidos a persoas con dependencia e as súas familias; informar, orientar e asesorar de maneira integral acerca da enfermidade, así como prestar apoio psicolóxico aos familiares de persoas con Alzheimer. Ademais, a actuación ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas con alzhéimer e as súas familias, asesorando sobre cuestións sociais, emocionais e legais, favorecendo o acceso aos recursos existentes.
O programa Activa-T iníciase tamén en xornada de tarde
O programa Activa-T, que se imparte nos centros de San Diego e Vales Villamarín, acaba de comezar a súa andaina cunha quenda de tarde que complementa a oferta que xa había en horario de mañá. En total, uns 35 usuarios participan xa nestas sesións destinadas a pacientes con deterioración cognitiva leve. Centro terapéutico de mañá e tarde Este verán abriu as súas portas un novo centro terapéutico situado no número 53 da rúa Vales Villamarín. O obxectivo deste servizo é mellorar a calidade de vida de persoas con demencia e as súas familias, para potenciar a súa autonomía e manter as capacidades cognitivas durante o maior tempo posible. Deseñado desde a experiencia na aplicación de técnicas de estimulación para persoas afectadas por demencias (tipo Alzheimer ou outra), este centro funciona de luns a venres, en horario de mañá e, desde principios de febreiro, tamén polas tardes. Ofértanse sesións desde hora e media e a partir de dous días á semana, e as persoas con axudas á dependencia concedidas poderían ter bonificación no programa. A local conta con 60 metros cadrados e dispón de dous terapeutas en activo. AFACO e os seus centros A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña é unha organización sen ánimo de lucro que conta na actualidade con tres centros de atención a persoas con demencias en diferentes fases. Trátase dos centros de día do Barrio das Flores, San Diego e Salvador de Madariaga, e o centro terapéutico novo de Vales Villamarín. Entre os centros xestionados, en colaboración co concello e a Xunta de Galicia, e outros programas en colaboración con entidades ou concellos, aténdese na actualidade a uns 200 usuarios. A nosa misión e principal obxectivo é achegar calidade de vida ás persoas que padecen alzheimer e outras demencias e ás súas familias. Para iso apostouse desde o principio por unha atención profesional, personalizada e de calidade contrastada. A estimulación e preservación das capacidades do usuario é un punto neurálxico para frear o desenvolvemento dunha enfermidade que a día de hoxe non ten cura, e padecen unhas de 70.500 persoas en Galicia, estímase que o 12,5% dos maiores de 65 anos e o 31,25% dos que superan os 85 anos.





